viernes, 5 de junio de 2009

O baile dos vampiros



Aquí pechamos o Clube de Lectura ata o próximo curso, agradecendo a participación de
tódolos seus membros e agardando que o próximo curso continuemos os que quedamos no centro e aínda se nos sumen vampiros novos. Sorte a Blanca e Marina, agora que deixan o centro. Xa saben que cando queiran poden virnos ver a este seu Castelo dos Cárpatos. Feliz verán a todos.

sábado, 16 de mayo de 2009

17 de Maio: día das letras galegas


Este ano, o Día das Letras Galegas está adicado a Ramón Piñeiro, filósofo e intelectual galego. Nacido en Láncara (Lugo) en 1915, formou parte do movemento galeguista e foi condenado ó cárcere en 1943 por participar na reorganización do galeguismo. Trala reinstauración da democracia e o Estatuto de Autonomía, nos anos oitenta, foi deputado independente no Parlamento Galego, ó que se incorporou formando parte das listas do PSdeG-PSOE.
Aquí tés máis información sobre Ramón Piñeiro.
Outros enlaces de interese sobre o Día das Letras Galegas:
Galipedia

miércoles, 13 de mayo de 2009

Máis terror






















H.P. Lovecraft e Edgar Allan Poe, dous grandes da literatura de terror, os dous norteamericanos. De cada un deles imos ler un relato: O modelo de Pickman, de Lovecraft, e O corazón delator, de Poe.
Por citar algunha das súas máis coñecidas influencias na civilización occidental, recordaremos que hai dous capítulos dos Simpson relacionados con Poe: un, no que Lisa recrea o relato aquí escollido para facer un diorama; outro, no que se dramatiza o seu coñecido poema O corvo. Tamén imos ler un poema moi famoso deste autor, Annabel Lee, que musicou, entre outros, a banda española Radio Futura. Pulsa aquí para ver o vídeo en Youtube.
E qué decir de Lovecraft? Quén non viu "Reanimator", ou, máis recentemente, "Dagón", filme ambientado en Galicia e inspirado nos escuros mitos nacidos da súa morbosa imaxinación?

miércoles, 6 de mayo de 2009

Cine de medo


Como complemento á lectura de Drácula, onte vimos Nosferatu, de Murnau, a primeira adaptación cinematográfica da novela de Stoker. A banda sonora que leva esta versión é realmente terrorífica...
En principio, íamos ver a película no salón de actos, pero finalmente vímola na Aula de Idiomas (Curioso, porque é "cine mudo"). Na foto podedes ver a Ramiro, o profe de latín, berrando desde o primeiro andar: "Subide! Que imos ver aquí a peli!"

domingo, 26 de abril de 2009

Regalo para os membros do Club de Lectura


Debido ás queixas recibidas no Club de Lectura (parece que se multiplican os pesadelos e o insomnio), decidimos facervos este regalo: un auténtico kit de Cazavampiros, marca Coronel Miñoca, unha edición limitada de El Corte Transilvano para os membros do noso Club. Así non volverás pasar medo nunca máis e, por riba, poderás empezar a dar os teus primeiros pasos nunha profesión de futuro. De feito, estamos pensando en solicitar o Ciclo Formativo de Exterminador para o ano.
Se queres recoller o teu Kit, deberás vir só, a partir das doce, ó cemiterio. Agárdote sediento...

Pobre Lucy



Aquí tedes unha foto de Sadie Frost interpretando a Lucy Westenra na versión de Drácula que dirixiu Coppola en 1992.
A verdade é que unha caracterización impresionante, aínda que aquí aparezca relaxada, mirando á cámara. Estarase facendo a foto para sacar o carnet de vó nocturno?
Ai, Lucy, Lucy, non é por ser malo, pero... de verdade eras sonámbula, ou tirábache saír pola noite ó cemiterio?

jueves, 16 de abril de 2009

O vampiro de Highgate


Este é o Círculo do Líbano, no cemiterio londinense de Highgate, no que, posiblemente, transcurren varios dos capítulos de Drácula. Ben podería ser que a pobre Lucy Westenra fose sepultada aquí para descansar en paz...
Nos anos setenta, correu o rumor de que un ou varios vampiros vivían neste cemiterio. Incluso se organizou unha expedición, capitaneada por un tal Sean Manchester, que presumía de ter acabado con vinte vampiros e que, supostamente, acabou tamén coa non-vida do vampiro de Highgate. Quén sabe? Cousas máis incribles e máis aterradoras suceden cada día neste extraño mundo...

Máis fotos de Highgate





E aquí tedes dúas imaxes máis: un grupo de lápidas e a Avenida Exipcia. Non sendo para a roupa... qué bó gusto teñen os británicos! Se o comparamos cós nosos cemiterios ( e pobos e casas e cidades) é para botarse a chorar.





martes, 31 de marzo de 2009

Whitby


Aquí tedes unha imaxe de Whitby de hai tempo, máis ou menos có aspecto que tería na época en que transcorre Drácula. Na parte alta, á dereita, está a abadía, e xusto á esquerda a igrexa parroquial e o cemiterio que se describen no diario de Mina, ó comezo do capítulo VI.
"Xusto enriba da cidade están as ruinas da abadía de Whitby, que foi saqueada polos daneses, escenario dunha parte de Marmion, cando emparedan á moza. Son unhas ruinas nobles, cheas de detalles fermosos e románticos; hai unha lenda que di que nunha das fiestras aparécese unha dama de branco. Entre a abadía e a cidade hai outra igrexa, a parroquial, rodeada por un cemiterio cheo de tumbas".

Abadía e igrexa de Whitby

O pasaxeiro do Deméter


Se xa líchedes o capítulo VII, recoñeceredes a imaxe. Este é un fotograma de Nosferatu, de Murnau, un director de cine alemán que fixo unha versión muda de Drácula. Cambiou o nome das personaxes, incluído o do vampiro (ó que chamou Conde Orlock), para eludir o pago dos dereitos de autor, pero finalmente tivo que abonalos, trala denuncia presentada pola viúva de Stoker. Nos títulos de crédito, o actor que encarna ó vampiro aparece có nome de Max Schreck, sen que se saiba a ciencia certa quén era... Na primeira entrega de Batman, dirixida por Tim Burton, chámase así un dos principais persoaxes: iso, no mundo do cine, chámase "homenaxe". Para min, Nosferatu é a mellor das adaptacións de Drácula ó cine, e conste que non é por ser muda ou estar en blanco e negro. É que cada fotograma destila arte, poesía, sentimento.

jueves, 26 de marzo de 2009


Este é o retrato de Florence, a esposa de Bran Stoker, feito por Oscar Wilde, ó que se refería Patricia. Certamente, ten un aire doce e soñador, non exento de enerxía, que podería encaixar ben có carácter de Mina.
Qué día levo! Pola mañá cortei a cara toda: é o que ten afeitarse sen ver a túa imaxe reflexada no espello. De camiño ó traballo, rompe unha tubería de auga xunto á estrada. Media hora agardando a que o repararan. Como que non podo cruzar correntes de auga! E para rematar, chego á casa a mediodía e póñenme gambas "al ajillo". É para facerse cruces... o que poida, claro...

Postdata: Velaquí outro enlace sobre Drácula que nos enviou Patricia.

lunes, 16 de marzo de 2009

Henry Irving


Este é Henry irving, o actor inglés, amigo de Bram Stoker, a quen se refería Patricia no seu comentario. Pensouse, en efecto, que Bram Stoker puido tomalo como modelo para o seu retrato de Drácula.
Comentade, comentade sen medo. Falade do que vos parece o libro, o que vos gusta, o que non, se é agradable de ler, se vos custa facelo... O que queirades.
Polo que a min respecta, estouno disfrutando máis que as veces anteriores que o lin. Lástima que non haxa tronos nin relámpagos, ou que silbe o vento e empuxe os vidros da ventana, como se un morcego pasase rozándoa coas ás... Así da gusto ler, sentado en cama pola noite, cós pés quentiños e a imaxinación trotando polos montes Cárpatos, en medio da neve e dos lobos... Brrr...

martes, 10 de marzo de 2009

Primeira reunión do Club de Lectura



O venres 13 de Marzo terá lugar a primeira reunión do Club de Lectura durante o segundo recreo no Salón de Actos do centro. Anímate e participa! Como xa te decatarías, amigo lector, o libro que che temos preparado no noso cofre é unha delicia, un auténtico tesouro: Drácula, de Bram Stoker.
Qué tés que perder? Non che custará nada. Se acaso, un pouco de tempo ... e sangue... Muahahahahahahahahahaaaaaaaaaaaaaaa...

Drácula, de Bram Stoker, publicada en Gran Bretaña en 1893, é unha novela de terror, herdeira daquelas novelas "góticas" de finais do século XVIII e principios do XIX que, en consonancia có Romanticismo e en oposición á estética da Ilustración, poñían a énfase nos elementos irracionais da natureza humana.
Para comprender cabalmente a novela, debemos ter en conta que transcurre en Londres, a finais do século XIX, é dicir, na capital da nación máis civilizada do planeta, nun país que podía presumir de estar á cabeza do avance científico e técnico, do liberalismo político e económico, en resumen, de tódolos saberes, experiencias e doutrinas que, en apenas douscentos anos, revolucionaran á Humanidade, abríndolle un horizonte de aparente progreso e benestar sen límites.
É neste contexto, tan civilizado e ilustrado, onde irrumpe bruscamente o Conde Drácula, arrastrando consigo tódalas forzas do mal e das tebras, tódolos terrores e supersticións que a ciencia e os avances técnicos debían ter enterrado para sempre.
Si, todo isto sucederá no corazón de Inglaterra, na mesma Europa avanzada que, poucos decenios despóis, coñeceu o terror da guerra de trincheiras, os bombardeos masivos sobre a población civil ou os campos de exterminio. Como di o propio Harker no seu diario, referíndose á patria de Drácula: "esta terra maldita, onde o Demo e os seus fillos aínda camiñan con pes terrenais"...
Claro que a novela de Stoker é moito, moito máis... Así que, benvidos, entrade nela voluntariamente e disfrutádea.

O Drácula histórico


Este é Vlad Draculea, ou Vlad "Tepes" ("O empalador"), noble rumano do século XV que naceu en Transilvania e foi príncipe desta rexión e de Valaquia. En Rumanía é recoñecido como un héroe nacional pola defensa da indepencia do seu país, en oposición ós turcos e a Hungría. Pero tamén é recordado pola súa extrema crueldade: de ahí o sobrenome de "Empalador", debido á súa afección por esta forma de execución.
Este é o personaxe histórico no que está baseado o Drácula de Bran Stoker, aínda que moi libremente.
Vlad viviu nunha época e nunha rexión azotada polas guerras, onde as torturas, as matanzas e os abusos dos poderosos eran correntes. Outro personaxe de Transilvania, tristemente célebre polos seus crimes e o seu "vampirismo" (durante anos, torturou e asasinou a ducias de mozas, para logo bañarse no seu sangue) foi a Condesa Erzebeth Bathory.
Nesta mesma páxina seguiremos publicando información ou enlaces a páxinas web interesantes, relacionadas coa nosa novela.

O castelo de Bran

Benvidos a Transilvania, a derradeira provincia conquistada polas lexións de Roma, en latín, a "terra máis aló dos bosques". De feito, o nome de "Rumanía" ven de ser este país o único do seu entorno que ten unha lingua derivada do latín.
Este é o castelo de Bran, un grande reclamo turístico que, tradicionalmente, é coñecido como o castelo de Drácula, aínda que a súa relación có personaxe é máis que dudosa.
Pero é bonito. Cómo será de noite, en inverno, cós montes cubertos de neve e os lobos esfameados ouveando preto das vilas? Ah, escoitádeos! Os fillos da noite... Qué música tan fermosa!...

O país de Drácula





"A rexión á que me dirixo atópase na fronteira de tres estados: Transilvania, Moldavia e Bukovina, en medio dos montes Cárpatos, unha das zonas máis salvaxes e menos coñecidas de Europa..."