martes, 30 de marzo de 2010

MERLÍN E FAMILIA

Estamos lendo "Merlín e Familia", de Cunqueiro. Qué queríades que puxera, unha imaxe céltico-prerrafaelita con Xenebra e Lanzarote mirándose os ollos nun bosque encantado? Oh, Jasús! E logo San Martiño de Mondoñedo, berce da nosa diócese, a do bispo Maeloc, non é máxica dabondo? Aquí todo é máxico, a pedra que asoma entre os toxos, a pedra traballada polos mestres canteiros da Idade Media, a néboa, as "figueiras viciosas"... A min gustábame o cheiro a madeira queimada e esterco que había antes nas aldeas, o aroma da baixamar nas ribeiras, o sabor a monte das nosas setas... Por algo somos a Fisterra e o destino dos peregrinos... A reserva espiritual de Occidente, vamos. Guíanos, Strela do Día!