viernes, 27 de noviembre de 2009

FREAKS

En España titulouse "La parada de los monstruos". Foi dirixida en 1932 por Tod Browning (no centro da foto, con bigote), o mesmo que dirixiu a Bela Lugosi en "Drácula".
Queredes saber de qué trata? Dun circo ambulante onde un grupo de seres humanos expoñen as súas taras físicas e mentais como espectáculo para os seres "normais". Ten escenas moi duras, é crudísima, pero tamén é reconfortante a humanidade dos "freaks", a súa camaradería e a axuda mutua que se prestan para facer fronte á crueldade e á estupidez humana. Por certo, os actores eran realmente "freaks", seres distintos e marabillosos. Contan que moitos actores da Metro-Goldwin-Mayer non soportaban a súa presencia na cafetería e nos corredores dos estudos. Eu teño case a convicción de que unha película así sería imposible de estrear hoxe en salas de cine comerciais. E pasou case un século.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

IMPORTANTE: LEDE ISTO XA

Ola. Aquí podedes ver ou descargar unha presentación titulada "Monstros". Gustaríame que a vísedes (ou visionásedes, que din algúns e algunhas) e despóis (só despóis) participedes na enquisa que aparece á dereita da páxina.
Nota: a presentación, lóxicamente, está feita en OpenOffice, pero déixovola no formato ppt, porque sei que a maioría seguides empregando o Sistema Inoperante do Lado Escuro. En fin, xa veredes algún día a luz de Linux.

lunes, 23 de noviembre de 2009

Elemental, querida amiga


Elemental, querida Patricia. O seu comentario é elemental. Eu son o xenuino Sherlock, como fun o mellor Van Helsing e o máis grande Frankenstein.
Ah, se eu non fose tan misóxino, ata recoñecería e saudaría abertamente a súa intelixencia e bó gusto!
Por certo, o da miña misoxinia é certo. Qué ten de raro que convivan xuntos durante anos e anos dous cabaleiros sensatos coma Watson e coma min? Non o fan Epi e Blas?
Á xente gústalle falar... e ler novelas. Se se conformasen coa televisión...

Drácula ou Frankenstein? Os dous!

Esta entrada do blog quere ser un pequeno recoñecemento a unha das nosas compañeiras, que non estivo connosco o curso pasado, pero que quere recuperar o tempo perdido e, ademáis de Frankenstein, tamén está lendo Drácula. Así se fai! Para ela e para o resto deixamos estas dúas fotos de Peter Cushing. Na da esquerda interpreta a Van Helsing (non, non é Seward, é Van Helsing, cousas do cine) e na da dereita interpreta a Víktor Frankenstein a punto de inocularlle á súa criatura a vacina contra a gripe A (é broma).
Por outra parte, algúns de vós dixéronme que non puideran facer comentarios desde os ordenadores do instituto. Non sei a qué se debe. A outra xente nunca lle deu problemas: é certo que cando se pulsa en "publicar comentario" volve aparecer a mesma ventá, pero solicitando un código que hai que copiar. Cópiase o código e vólvese pinchar en "publicar". Probade así. En último caso, se non tedes acceso a Internet ou o que sexa, pasádenos o texto que queredes subir ós comentarios e nós encargámonos de poñelo. Saúdos.

miércoles, 18 de noviembre de 2009

O paraíso perdido











Estes son os versos de Milton (Paradise Lost) que 
Mary Shelley puxo ó comezo da súa novela:

Oh, meu Creador! Acaso pedinche eu
que me arrancases da lama
e me levases das tebras á luz?

martes, 17 de noviembre de 2009

A vida é soño e os soños... cine son



















Un amable lector avísanos da existencia dunha versión cinematográfica de Frankenstein do ano 1910. Aquí tedes un enlace a Youtube para vela.

Carta aberta a Robert Walton

Estimado Sr. Walton: lamento informalo de que as súas fantasías e esperanzas sobre o Polo Norte son infundadas. O casquete polar é un inmenso bloque de xeo no que fai un frío que pela e, por riba, non hai cobertura para a Televisión Dixital, aínda que, de ser certas as modernas teorías sobre o cambio climático, pronto podería ser unha extensión de mar. En todo caso, coidado con ese entusiasmo e ese afán de saber. Non parece sano. Querer saber está ben, pero hai outras cousas que merecen a pena: a literatura, as castañas, a cervexa negra, os amigos, unha muller boa... A min o Polo, a día de hoxe, cáusame extrañeza e desconfianza: é un lugar solitario, moi lonxano, desértico, atractivo, si, para un físico ou un matématico, pero- cómo diría?- ... frío, carente de vida e calor humano. Non sei, non me augura nada bon. Non se plantexou vostede descubrir as fontes do Nilo ou explorar a África Negra? Por qué o Polo, precisamente?

domingo, 8 de noviembre de 2009

Actividades

Aquí tedes unha imaxe do Rockefeller Center de New York. Ten relación có título da nosa novela. Trátase de averiguar por qué Mary Shelley subtitulou a súa novela como o fixo e a quen representa a escultura que aparece nesta imaxe. Tamén se trata de saber por qué no Rockefeller Center colocaron esta escultura e non outra. Podedes respostar no apartado de comentarios. Firmade có voso nome de pila. A ver quen o fai antes! Hai premio...

jueves, 5 de noviembre de 2009

FRANKENSTEIN

Finalmente, foi Frankenstein o elexido polos alumnos para empezar as actividades do Club de Lectura. Preparádevos, amiguiños: quédanvos tres meses de angurias e pesadelos.
Gañaredes as gominolas a costa da vosa tranquilidade, baixaredes ás criptas có doutor, pasaredes as noites en vela, mouras serán as bolsas dos vosos ollos, ata pode que vos saian canas de medo e sabedoría. Ai, a sabedoría! Qué pouco orixinal, caer no pecado orixinal!
En fin, aquí vos deixo unha foto de Boris Karloff, quen interpretou á "criatura" na película "Frankenstein", dirixida por James Whale en 1931 para os estudos de cine Universal.
Ah, e non esquezades levar unha pala á próxima reunión! Hai que empezar a traballar...

miércoles, 4 de noviembre de 2009

Mary Shelley, autora de Frankenstein