jueves, 4 de febrero de 2010

PIRATAS, CORSARIOS, BUCANEIROS, FILIBUSTEIROS E OUTROS MALANDRÍNS MARINOS (OU FLUVIAIS)

Existen dende que se coñece a navegación, mais ou menos. Mariños que atacaban barcos e cidades costeiras. As actividades delictivas cometidas no mar ou dende o mar están recollidas na literatura mais antiga: O mesmísimo Ulises tiña tanto de pirata como de heroe. E, non nos levemos a engano, nunca estas actividades foron mal vistas por todo o mundo. Cantos estados non se beneficiaban directa o indirectamente delas e fixeron (e fan) a vista gorda ante os desaforamentos que perpetraban certos barcos nas súas costas ou fora delas.
No século XVII esta relación entre estados e piratas consolidouse de xeito “institucional”. Algúns gobernos empezaron a emitir as chamadas patentes de corso, autorizando expresamente aos barcos a atacar outros barcos e portos inimigos, eso si, compartindo o botín. Xurdiu así a figura do corsario: O pirata con licencia. Esta especie de guerrilla marítima (pero con botín) foi o xeito de facer a guerra de países como as Provincias de Holanda ou o reino de Gran Bretaña contra o dominio do maior dos imperios, o español.
Pero mais tarde, estes mesmos corsarios decidiron desligarse do “contrato” que mantiñan cos gobernos, comezaron a actuar por conta propia e remataron por ser un serio problema para os estados (tamén para aqueles que antes os amparaban) . Era o século XVIII, a idade de ouro da piratería. A época das irmandades piratas, os refuxios nas costas do Caribe e todos eses elementos pintorescos que constitúen o escenario de tanta e tanta literatura sobre o tema que case podería constituír un xénero.
A literatura foi a mais benevolente ou alomenos ambivalente coa figura do pirata: Aínda sen despóxalos de toda a violencia e crueldade que os define, os piratas literarios representan sempre a idea de vida libre, sen ataduras. Dinámicos, activos, apaixonados,sen moral (as veces) pero tamén sen convencións, obrando por riba da norma (sempre, claro: son piratas) pero non sempre por riba da xustiza.
Poetas como Byron ou Espronceda os converteron en figura emblemática do Movemento Romántico. Logo moitos novelistas debuxaron o seu personaxe con cualidades de cabaleiro xusticeiro ou de simpático truán, segundo as esixencias da historia. Do noso Silver falaremos mais adiante, cando teñamos avanzado algún capítulo mais. Agora vos propoño que me faledes dos vosos piratas favoritos: Cales coñecedes por aí que me poidades recomendar. Qué teñen que os fai tan absolutamente irresistibles. Recollerei tódalas suxerencias que me deixedes nos comentarios e despois prometo facer un post sobre cada un deles (si me axudades, mellor).