
Drácula, de Bram Stoker, publicada en Gran Bretaña en 1893, é unha novela de terror, herdeira daquelas novelas "góticas" de finais do século XVIII e principios do XIX que, en consonancia có Romanticismo e en oposición á estética da Ilustración, poñían a énfase nos elementos irracionais da natureza humana.
Para comprender cabalmente a novela, debemos ter en conta que transcurre en Londres, a finais do século XIX, é dicir, na capital da nación máis civilizada do planeta, nun país que podía presumir de estar á cabeza do avance científico e técnico, do liberalismo político e económico, en resumen, de tódolos saberes, experiencias e doutrinas que, en apenas douscentos anos, revolucionaran á Humanidade, abríndolle un horizonte de aparente progreso e benestar sen límites.
É neste contexto, tan civilizado e ilustrado, onde irrumpe bruscamente o Conde Drácula, arrastrando consigo tódalas forzas do mal e das tebras, tódolos terrores e supersticións que a ciencia e os avances técnicos debían ter enterrado para sempre.
Si, todo isto sucederá no corazón de Inglaterra, na mesma Europa avanzada que, poucos decenios despóis, coñeceu o terror da guerra de trincheiras, os bombardeos masivos sobre a población civil ou os campos de exterminio. Como di o propio Harker no seu diario, referíndose á patria de Drácula: "esta terra maldita, onde o Demo e os seus fillos aínda camiñan con pes terrenais"...
Claro que a novela de Stoker é moito, moito máis... Así que, benvidos, entrade nela voluntariamente e disfrutádea.